Vaipolorío nace da necesidade de recuperar o río dos Gafos, ante a deterioración medioambiental que estaba a sufrir e a falta de preocupación das distintas institucións que se supón que teñen que velar pola súa saúde.
Vendo que a resposta institucional non chegaba, un grupo de veciños e veciñas dos concellos de Vilaboa e Pontevedra decidimos poñernos “mans á obra” e levar adiante a tarefa de recupera-lo dito río.
Nun principio as asociacións Asociación Cultural Chan do Vilar de Figueirido, Asociación de Veciños San Andrés de Figueirido, Asociación Cultural O Toxal de Bértola, Asociación Cultural San Cibrán de Tomeza, Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta de Salcedo e Asociación de Veciños Río Gafos levaron a cabo as primeiras actuacións no río, se ben despois por cuestións de operatividade e funcionamento creouse Vaipolorío.
Vaipolorío é un colectivo legalmente constituído en novembro do 2001 e o seu ámbito territorial de actuación son os concellos de Vilaboa e Pontevedra. Ten o seu domicilio social en Preescolar de Cabanas, Salcedo, Pontevedra.
A existencia deste colectivo ten como fins:
A promoción, o coidado, a defensa, a limpeza e o mantemento do río dos Gafos, así como todas aquelas actividades e accións que vaian en beneficio do dito río e do seu contorno, en todo o seu percorrido, dende o seu nacemento en Figueirido (Vilaboa) ata a súa desembocadura na ría de Pontevedra.
Para o cumprimento destes fins realizámolas seguintes actividades:
Limpeza periódica do río e das súas marxes.
Roteiros.
Obradoiros medioambientais.
Catalogación de flora e fauna.
Recuperación da toponimia.
E outras actividades complementarias.
Vaipolorío constituíuse con 35 socios fundadores e non existe cota ningunha.
Vaipolorío considera que cada persoa que participa nas actividades, pasa a formar parte deste colectivo.
Temos a honra de ser “Premio Cidade de Pontevedra 2001”, outorgado polo Concello de Pontevedra, no apartado de institucións, pola defensa do medio ambiente natural, “Premio Amigos de Pontevedra 2004”, outorgado pola Asociación Amigos de Pontevedra, no apartado de institucións polo traballo de recuperación do río dos Gafos e “Premio Bardos 2008” no apartado de Medio Ambiente, outorgado por Onda Cero Radio.
A Xunta Directiva de Vaipolorío está formada por:
PRESIDENTE : Gonzalo Sancho Blanco
VICEPRESIDENTA 1ª: Victoria Orozco Pintos
VICEPRESIDENTA 2ª: Elisa Landeira Mansilla
SECRETARIA: Ana Rosalía Rodríguez Lorenzo
VICESECRETARIO: Manuel Gil Ríos
TESOUREIRO: Xosé Manuel Feijoó Bernárdez
VOCAL: José Ramón López Lage
VOCAL: Antonio Vázquez Blasco
VOCAL: Carlos Ríos Sío